Foltra xestiona os servizos de Atención Temperá en Ames e Teo
Os concellos de Ames e Teo comparten desde 2021 o Servizo de Atención Temperá (SAT), que se ofrece nas Galanas. Este programa terá continuidade ata outubro de 2026 cun novo contrato adxudicado por 367.530 euros á Fundación Foltra, cuxo centro sanitario, con sede en Teo, é referente a nivel nacional…

Os concellos de Ames e Teo comparten desde 2021 o Servizo de Atención Temperá (SAT), que se ofrece nas Galanas.
Este programa terá continuidade ata outubro de 2026 cun novo contrato adxudicado por 367.530 euros á Fundación Foltra, cuxo centro sanitario, con sede en Teo, é referente a nivel nacional e internacional na recuperación de pacientes con dano cerebral. Esta fundación, que xa xestionaba este SAT, reforzará o servizo, xa que ambos os concellos dispoñen dunha partida orzamentaria máis elevada, 440.000 euros, concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade.
No concurso público participaron tres entidades, sendo a Fundación Foltra a que máis puntuación obtivo en base a criterios técnicos. Ademais, a adxudicataria ofrece melloras no servizo inicial que inclúen a posta en marcha dun grupo de traballo con familias usuarias do SAT e un servizo puntual de coidado de menores destas familias.
O SAT de Teo e Ames ten neste momento capacidade para atender de forma integral a uns 80 menores de seis anos, un número inferior á lista de espera que adoita ter este servizo, deseñado para menores de 6 anos con problemas de desenvolvemento e que deben ser derivados a el polos seus pediatras. Tal e como recollen as bases do concurso público, o SAT oferta «unha intervención psicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia familiar e da inclusión social». E para iso, o SAT realizará un diagnóstico dos trastornos no desenvolvemento infantil e actividades psicomotoras e de estimulación cognitiva, o que implica mellorar a linguaxe e a comunicación, así como incrementar a autonomía e o desenvolvemento social e afectivo dos menores. Todas estas iniciativas deben estar coordinadas cos departamentos de Servizos Sociais de Teo e Ames.
O novo contrato, que entrará en vigor o vindeiro 5 de marzo, establece un incremento de persoal para dispoñer de dúas especialistas en psicoloxía, outras dúas en logopedia e unha terapeuta ocupacional.
En paralelo a esta adxudicación, o Concello de Teo convocou un proceso de consulta pública, aberto desde o pasado martes ata o vindeiro 25 de marzo, sobre as condicións de prestación do servizo. Esta iniciativa é consecuencia directa do convenio entre Ames e Teo para compartir o SAT, xa que nunha das súas cláusulas establece a obriga de aprobar este catálogo, que deberá propoñer unha comisión mixta de seguimento do acordo intermunicipal.